VICTOR ANEIROS CAMIÑA ENTRE AS "BRÉTEMAS DA MEMORIA" DE RAMIRO FONTE. Por Eduardo Galán

Imprimir victoraneiros - 20-Abril-2010 - 08:35:28 

Víctor Aneiros, xenial bluesman de Ferrol, edita "Brétemas da memoria" , un novo disco en galego que é o quinto na súa conta e ten como principal corpus a poesía de Ramiro Fonte.

Xa que, en xeral, non somos peixes e temos máis de tres segundos de memoria, tendemos a lembrar o pasado e a reconstruir dun xeito teimudo os nosos recordos. Como sabemos, a inevitable reinterpretación do vivido é a fonte mais poderosa da poesía.

Tal é o caso da obra do poeta eumés Ramiro Fonte, finado no 2008 con pouco máis de 50 anos. Coñecimos a Ramiro en 1974, mentres estudaba o COU no colexio Tirso de Molina do Ferrol. Tamén seguimos, intermitentemente, os seus universitarios anos tolos de Compostela. Naqueles primeiros tempos salvaxes de creación, os do grupo Cravo Fondo, cando as lembranzas aínda eran novas e tenras, a recuperación da memoria xa era unha das teimas dun Ramiro existencialista.


Agora, Victor Aneiros, guitarrista e cantante de blues de Ferrolterra, dedica unha importantísima parte do seu quinto disco á obra de Ramiro, adaptando sete poemas de xuventude e da primeira madurez do poeta. Non é a primeira vez que Victor se achega á poesía de Fonte, pois no seu anterior disco xa recreou "Na barra", tema onde estaban moitas das obsesións do escritor: ambientes nocturnos, personaxes decadentes atrapados entre sombras, atracción polo abismo, Ofelias afogadas na noite...Victor comprendeu que a poesía de Ramiro era puro blues e desde aquela estivo dándolle voltas para adaptar varios poemas máis.

En "Brétemas da memoria" alomenos hai tres obras mestras. Facemos esta afirmación sen dúbida ningunha, pensando especialmente na marabilla que é "Autor de westerns", unha evocación tenra e apaixoada de John Ford que era o cineasta preferido de Ramiro. Do célebre director, gustáballe todo o que está sabiamente condensado na canción, esto é: a  estirpe de errante irlandés que bebía por dous ou tres, un furioso poeta  próximo á xentiña común pero prisioneiro dun fado terrible que procuraba refuxio no bar imaxinario de Monumental Valley. A canción é melancólica, como todo o disco e como boa parte da obra de Ramiro, pero tamén está preñada dunha contaxiosa enerxía. Aquí, a xenial guitarra de Victor é como unha trompeta da cabaleiría, cargando contra o destino, perseguindo o pasado, soando como unha cabalgada libre polas praderías do noso paraíso perdido. O piano de Manuel Gutiérrez, veterano compañeiro nas aventuras musicais de Víctor, semella ser o real acompañamento dun daqueles westerns mudos, proxectado nas paredes dun saloon del Far West. Entre todas as cancións gravadas en Galicia, non coñecemos moitas tan perfectas coma esta.

Un nudo apértanos a gorxa ao escoitar "Vida bohemia" , onde Ramiro, por boca de Víctor e falando en língua corsaria, añora a noite- "traidora compañeira"- coa camaradería dos lamentos tirados do piano de Gutiérrez: "lunáticas tabernas, naúfragos camarotes, hoxe vides a min que xa non trasnoitaba". As brétemas da memoria, as pantasmas do pasado, provocan a nosa adesión á bandeira pirata, cunha guitarra que esvara polas sombras e finalmente, cargada dunha enerxía perdida, declárase incondicional dos mares negros, sempre derrotada: "gastei todo o ouro nas mortas madrugadas dos meus mellores versos". Tampouco nunca escoitáramos un tema tan profundamente melancólico e inesquecible, que podería ser involuntario himno de toda unha xeración e que é unha declaración de perda, da enerxía da xuventude perdida que sempre estaba presente na conversa nostálxica de Ramiro.


Coñecendo a primeira obra do poeta, e tamén, ou ao mesmo tempo, á persoa,  comprendemos o valor de "Un tute á morte", canto único dedicado ao artista mozo e suicida, como era, hai tres décadas, Ramiro Fonte.

Fred Astaire e o cine como espello decadente dos nosos soños, as camelias que son beleza efémera nacida para a morte, Portugal como símbolo das moitas fronteiras cruzadas na precura do absoluto, as putas de Londres e do Pombal compostelano e as moitas Ofelias que se cruzan afogadas no río da vida, son os materiais preciosos doutro feixe de fermosas cancións extraidas das teimas de Ramiro e que Víctor Aneiros fai súas. "Sirenas da policía", "Lupanar de cristal", "Sombras de Compostela" e "Máis alá"  son pezas que rozan a perfección e nas que calquera atopará empatía.


Fronte todas elas, Víctor inclúe no disco "Axúdame", un tema baseado nun texto doutro poeta galego contemporáneo, Xosé Carlos Caneiro, quizáis adiantando a senda por onde poden ir os traballos vindeiros. En "Axúdame" podemos escoitar a guitarra convidada de Javier Vargas. 


O disco arranca cun prólogo instrumental poderoso, cargado coa forza do recordo, onde Víctor volve facerlle un aceno a Jeff Beck, e remata cunha pequena peza lenta e tristeira, construída co silencio da resaca sentimental, onde o autor regresa ao Canido da infancia, onde seguramente aínda agroman as brétemas da súa memoria.
© 2010 Víctor Aneiros - Todos os dereitos reservados | Acceso privado

ACV Galaica